Friday 01 de November de 2024

O Teatro Rosalía regresa esta fin de semana ao rock&roll dos 70 co espectáculo “Smoke on the water”


A obra, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, está protagonizada por Josito Porto, Belén Constenla e Adrián Ríos, e evoca os anos do rock & roll da década dos setenta

O Teatro Rosalía acolle esta fin de semana unha obra teatral no marco do seu Ciclo Principal, que comezou en xaneiro coa adaptación de Eduardo Mendoza da obra “True West”, de Dan Shepard. “Smoke on the water”, da compañía Ibuprofeno Teatro, estará sobre as táboas do Teatro Rosalía os días 8 e 9 de abril ás 20.30 h.

Trátase dunha obra escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, director da compañía Ibuprofeno Teatro, e protagonizada por Josito Porto, Belén Constenla e Adrián Ríos que darán vida a unha historia sobre sexo, drogas e rock & roll ao máis puro estilo dos anos 70.

O protagonista, Ritchie (Josito Porto), vive ancorado nun pasado rockeiro. Ten unha tenda de discos e vinilos e leva casado 25 anos con Janis (Belén Constenla), coa que ten unha relación baseada na dependencia. Esta monotonía racha cando Álex (Adrián Ríos) chega á escena coa súa ideoloxía transgresora, facendo mover os cimentos da relación entre Janis e Ritchie.

A obra pon en escena un texto de Santiago Cortegoso, director da peza, co que fora galardoado no 2013 co Premio de Teatro Mome Varela Buxán e que recuperou neste 2022 para levalo a escena. Trátase dun espectáculo de 85 minutos pensado para o público adulto, que mestura o humor negro e a crítica social. A música en directo é tamén un elemento esencial, non só polo gusto musical do protagonista senón porque a través dela, os actores achegan ao público parte do seu mundo interior poñendo banda sonora aos seus pensamentos e sentimentos.